Friday 26 de April de 2024

A Xunta e o concello de Coirós estudan incluír o proxecto de humanización do núcleo de Santiago de Ois no Plan Hurbe


A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Coirós, Francisco Quintela, analizaron incluír o proxecto para a humanización do núcleo de Santiago de Ois no plan Hurbe, durante unha reunión que mantiveron recentemente.

Os traballos de reforma e acondicionamento do núcleo rural histórico-tradicional e común de Casal Combarro enmarcaríase no plan Hurbe, tal e como se fixo con anterioridade na humanización dos espazos públicos de Armeá, que tivo un financiamento de case 110.000 euros, e Coirós de Abaixo, onde se investiron máis de 113.000 euros.

Hai máis dunha década que o Goberno galego impulsa o plan Hurbe co obxectivo de brindar o seu apoio ás entidades locais na execución de actuacións dirixidas a habilitar ou recuperar equipamentos municipais e poñer en valor as contornas urbanas, e que este ano conta cun orzamento reservado de 7 millóns de euros.

Neste sentido, cómpre subliñar o compromiso do Goberno galego á hora de brindar apoio aos concellos para promover proxectos que contribúan a dinamizar as vilas galegas e mellorar a calidade de vida da veciñanza.